Thursday 02 de May de 2024

Teatro, música e clases de defensa persoal para conmemorar o 25N en Bergondo


· A ‘IX andaina contra a violencia de xénero’ organizada polo Consorcio As Mariñas para o 26 de novembro completa a programación.

O Concello de Bergondo deseñou un calendario de actividades para conmemorar o 25N, Día Contra a Violencia de Xénero, na que teñen protagonismo o teatro e a música para todas as idades e que tamén incorpora un curso de defensa persoal para mulleres.

Mañá, mércores 23 de novembro, o alumnado de secundaria poderá asistir á obra #2Pilgrims, un espectáculo enfocado para público adolescente co fin de concienciar, educar en igualdade e inculcar valores que preveñan a violencia de genéro.

O propio venres, 25 de novembro, serán os alumnos e alumnas de primaria os que asistan á obra ‘Gaela quere ser druída’, ambientada na época castrexa e que, cun formato sinxelo e marionetas, achega aos máis pequenos valores como a igualdade de xénero, o coidado ambiental, a autoestima e a importancia de perservar para superar retos.

O sábado, 26 de novembro, a xornada comezará coa ‘IX andaina contra a violencia de xénero’ que organiza o Consorcio As Mariñas e que consistirá nun percorrido circular de 4 quilómetros por Betanzos. Os veciños e veciñas de Bergondo interesados en asistir terán á súa disposición un autobús que sairá ás 9:30 desde a casa do concello. Para facelo é necesario inscribirse previamente no teléfono 981 791 252 (ext.4) ou no correo electrónico serezabel.rodriguez@bergondo.gal.

De 17 a 19 horas levará a cabo no pavillón de Guísamo unha master class de defensa persoal dirixida a mulleres maiores de 15 anos. Para participar é necesario inscribirse previamente e o prazo para facelo finaliza o xoves 24 de novembro.

Por último, a música M.J. Pérez actuará na Senra ás 19 horas dentro do ‘V Ciclo Metropolitano de Música e Artes pola Igualdade Elas Son Artistas’.